Galiverso: un percorrido dixital polo patrimonio galego

Galiverso é un proxecto promovido pola Xunta de Galicia que incorpora tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co fin de ofrecer unha nova perspectiva sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia (xa sexa artístico, arquitectónico, natural, etc.). 

 

Esta iniciativa, de carácter pluridisciplinar, ten como finalidade contribuír á preservación do amplo legado patrimonial galego, ao tempo que facilita o acceso da cidadanía e, moi especialmente, ao alumnado de educación primaria e secundaria, a bens culturais e espazos naturais actualmente non dispoñibles para a visita presencial. O Galiverso, proxecto pioneiro no ámbito europeo, consolidouse como un referente no uso das tecnoloxías emerxentes para a difusión e valorización do patrimonio cultural. Constitúe unha proposta innovadora e de éxito, que achega a riqueza patrimonial de Galicia a públicos de todo o mundo dun xeito singular e memorable.

 

Image
Galiverso

 

Este proxecto nace co fin de difundir e promover o rico patrimonio cultural e natural de Galicia dunha maneira innovadora e atractiva. Así, consegue achegar o patrimonio a públicos diversos, incluíndo menores, adolescentes, persoas da terceira idade, persoas con dificultades de acceso físico ou cognitivo e tamén ás pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.


 

Este universo dixital permite achegar a cultura a todos os membros da sociedade, mesmo a aqueles que non se senten especialmente atraídos polos museos e as súas visitas máis clásicas. Ademais de conectar directamente coa cultura, o proxecto Galiverso tamén fomenta a educación, a investigación e a conservación do patrimonio. Os milleiros de persoas que tiveron a oportunidade de visitar a exposición ao longo das súas edicións puideron acceder a outra visión máis tecnolóxica e avanzada da realidade galega, así como dinamizar o turismo cultural e contribuír con ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia.


 

O Galiverso promove o uso das tecnoloxías 3D, combinadas con avances en intelixencia artificial e interacción humano-ordenador, para capturar, recrear, reconstruír e poñer ao dispor tanto da comunidade investigadora como do público xeral unha parte fundamental do noso patrimonio. É importante destacar que todas as escenas e obxectos incluídos en Galiverso cumpren cos máis altos estándares de rigor científico.


 

Finalmente, cabe destacar o rigor científico na elaboración das montaxes do Galiverso. A tal efecto, establécense alianzas ao máis alto nivel, na procura dun produto de divulgación científica de calidade que evite a creación ou consolidación de prexuízos e concepcións alternativas erróneas no público usuario, á vez que se alenta a curiosidade e as actitudes de respecto e protección. 

 

Remote video URL


 

Así pois, en resumo, este proxecto aborda obxectivos e retos en diferentes ámbitos: educativo, científico, cultura, tecnolóxico, neuropsicolóxico, arqueolóxico e de preservación.